Saturday 18 de May de 2024

As persoas maiores usuarias do Servizo de Axuda no Fogar de Boqueixón decoran o interior da Casa do Concello


A primeira “Mostra de traballos creativos de Nadal” poderá verse ata finais de ano

As persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar de Boqueixón son as protagonistas dunha exposición de traballos creativos de Nadal, que poderá desfrutarse na entrada da Casa do Concello, en horario de 8:00 a 15:00 horas, ata finais de ano. Trátase da primeira ocasión na que estes e estas artistas dan a coñecer o seu traballo, realizado en colaboración coas súas familias e co persoal auxiliar do SAF-Boqueixón.

Esta primeira “Mostra de traballos creativos de Nadal”, organizada polo Concello que Boqueixón e Atendo, está enmarcada no Programa de Estimulación Cognitiva que se está a implantar no SAF boqueixanés baixo a lenda: “promovendo vidas con sentido”. Segundo explican dende o SAF-Boqueixón, “este tipo de actividades repercuten de forma moi favorable nestas persoas que, por vez primeira, amosan as súas extraordinarias manualidades a todo o público”.

A exposición inclúe toda clase de adornos de Nadal: toda clase de tarxetas de felicitación (desde debuxadas ata con decoración exterior), centros florais, coroas de Nadal, árbores de Nadal (de papel, con piñas, con poliespán, con corchos de botella…), trens de xoguete, bolas de neve, trineos de papel, figuriñas de Nadal con piñas (Papá Noel, Bonecos de Neve…)… Uns traballos que levan o nome da persoa cos elaborou e mesmo unhas fotografías do procedemento de elaboración.